Discurso do acto de presentación


ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO ROMÁNICO DA COMARCA DE CHANTADA
XOSÉ LOIS GARCÍA

Señoras e señores, estimados amigos: agradecemos a todos a vosa presenza a este acto de presentación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada. Este grupo de persoas que nos remata de presentar a nosa presidenta, que conformamos a xunta directiva desta Asociación, recentemente legalizada, vamos a encetar unha andaina non en solitario senón que nos van acompañar persoas que teñen sensibilidade e respecto pola arte románica.

Convencidos da prioridade que teñen certos monumentos románicos, dos tres concellos que compoñen a nosa comarca: Carballedo, Chantada e Taboada, que precisan de ser divulgados, estudiados e defendidos, nunha palabra: dignificados. Baixo estas premisas faremos un plantel de traballo de base, concretado en múltiples estudos non so do monumento en si, senón tamén de outros elementos que emerxeron dese contexto, co fin de rescatar a súa historia en tódalas modalidades que se concretan neste tan particularizado microcosmos que conforma a nosa comarca, dentro do contexto da Ribeira Sacra.

Se contabilizamos os monumentos relixiosos, civís e militares, espallados en toda a comarca, onde se sitúan esas igrexas, camiños e calzadas medievais, e as áticas torres e castelos desa época, o debate estará próximo a unha defensa explícita e ben confirmada. Porque todo ese volume de elementos será o obxectivo das nosas prioridades de estudio,  difusión e defensa. Pormenorizar, afondar e concretar cada un dos matices e diversidades que nos ofrece a arquitectura, o simbolismo, a iconografía, a economía, a relixiosidade, o pensamento social e tantas outras expresións que se fundamentaron no románico, será o noso punto de partida para fornecer un diálogo de descuberta con todos estes elementos.

Nesta dirección é importante esclarecer, dunha maneira dinámica e científica, algo tan elemental como son esas cicatrices pétreas que manifestan as nosas igrexas e a arte románica en xeral, no que se manifesta depredación e un alto risco de aniquilamento. Neste sentido, esta Asociación proponse realizar un traballo contra sórdidas posturas inmobilistas, en favor de que a xente dunha comunidade determinada, como é o común dunha parroquia, participe en defensa dese patrimonio románico, por moitos factores, principalmente porque prioriza o noso pasado que fixo posible moitos presentes históricos e forneceu unha cultura intransferíbel como é a galega; unha lingua que falaron aqueles constructores. A lingua dos labregos, dos clérigos e de tódalas clases sociais da nosa comunidade. Por iso, nos nosos estatutos figura o galego como o idioma oficial en tódalas relacións que procese esta Asociación.

Este proxecto non xurdiu dunha vontade voluntarista dun grupo de persoas que tratan de reunirse e montan un club ou unha asociacións lúdica etc. Esta Asociación organizouse pola necesidade prioritaria que ten o noso patrimonio, sobre todo o da área medieval, no que se engloba o románico. Na nosa comarca temos o deber de rehabilitar con urxencia este patrimonio material. E nesta teima de emprender un novo camiño de rescate, estamos seguros que vamos contar, necesariamente, con un único apoio –é o que pedimos- ser socio, integrarse e participar de pleno dereito nesta Asociación, e aportar en debates, en críticas constructivas e facer posíbel un labor democrático e rigorosamente pluralista. Por qué? Por qué este patrimonio material precisa de ideas que o salvagarden de raquíticos minifundios institucionais. Porque deica agora se ten demostrado iso, onde houbo grupos asociativos e belixerantes polo respecto e pola reconstrucción da memoria, o avance foi ben positivo.

Nesta proxección debemos contar co apoio dos párrocos que son os que usan estes espazos de culto e representan a propiedade da Igrexa, e aínda porque non ignoran a historia, a arte, a simboloxía e outras características de tipo social e relixioso qué impregnan estes templos. Nesta dirección, os párrocos teñen moito que dicir e aínda mais en colaborar en moitos temas que teremos a ocasión en deliberar e compartir.

Tamén coas institucións locais, provinciais, autonómicas e estatais. Por que cada unha delas ten un cometido primordial a realizar. Do Estado e da Xunta de Galiza dependen os organismos de Patrimonio. Das Deputacións o reparto de fondos para aquelas asociacións que veñen traballando polo patrimonio e que precisan de recursos. Os municipios, tamén teñen o deber de contribuír no bo aceso a eses monumentos, na sinalización dos mesmos e noutros contributos, dunha maneira sensata e coordinada. Saiban desde xa, os tres concellos da comarca, que non lles vamos a pedir diñeiro, pero si arranxos moi concretos e moi prioritarios, non caprichos ou vendetas partidarias. E nesto seremos moi serios e moi contundentes, porque a situación de deterioro dos nosos monumentos así o esixe.

Queremos abundar no tema do patrimonio material e incidir en variados problemas que teñen tres igrexas de Carballedo, a igrexa benedictina de Chouzán, que co traslado polos anos cincuenta, evitando o encoro dos Peares, trasladouse a un lugar sen acesos, só as antigas corredoiras e camiños de ribeira nos levan a ela, limitando ao visitante chegar ate ese templo. Un templo que desde os anos setenta as súas pinturas góticas foron desprendéndose. O mesmo acontece con San Xoán da Coba, neste espazo ribeirao, tamén trasladada a un lugar afastado dos lugares mais próximos. A igrexa de Oleiros está en parecidas circunstancias. Falamos das mais necesitadas, de atención e reparo, as que coas súas cicatricen berran a desfeita, berran a súplica. Por iso temos que atendelas con contundencia. Cando dicimos con contundencia, vai ser con diálogo e sosego, e cando o diálogo e o sosego sexa ignorado utilizaremos varios tipos de denuncia, con tódolos medios ao noso alcance e con rigorosa serenidade.

No concello de Chantada o priorado benedictino de Pesqueiras, ese templo que ficou nas maiores soidades tráxicas, despois de non celebrarse culto e, pese a ser declarado9 monumento nacional en 1950, foi esquecido por patrimonio até que nos últimos anos ten sido atendido dunha maneira arbitraria. Fai poucos anos que se restauraron as marabillosas pinturas renacentistas, que expresan todo o fulgor dunha época relixiosa que fai de Pesqueiras, alén da fábrica románica, un dos lugares mais atractivos para contemplar arte arquitectónica e pictórica, que conxuga coa exuberante paisaxe, na que se configura esa interrelación de elementos que perpetúan, símbolo, historia, cultura, amor á terra como dadora de tódolos bens materiais.

O antigo mosteiro de Pesqueiras precisa con urxencia darlle unha función que responda a actos que estean en consonancia co espazo para o que foi construída. Pensamos en música clásica relixiosa, teatro relixioso, poesía, e tantas outras expresións que concirnen a este espazo místico.

De Pesqueiras temos a experiencia do pasado ano que só dúas persoas organizaron ese evento musical que se realizou o domingo de Pascua, coa presenza do grupo musical O Trícole de Sober, cunha misa e coa iluminación das pinturas. Era un acto reivindicativo de intentar aclarar certas cousas de cara ás administracións. E dese acto naceu esta Asociación que hoxe presentamos.

Non se pode restaurar unhas pinturas con diñeiro público, de todos nós, e despois non promocionar o monumento. Pero mais grave, por parte das administracións, é non planificar acesos axeitados para que os interesados pola arte e pola simboloxía, que son moitos, non desesperen en buscar o lugar de cubicación. Sabemos dos trastornos que teñen moitas persoas en chegar ao mosteiro de Pesqueiras por falta de sinalización, non dun punto senón que se precisan seis ou sete puntos de referencia. Mais se temos esa información básica e non temos acesos para autos, o monumento fica igualmente desentendido e marxinado. Ao templo de Pesqueiras non é fácil chegar e mais con eses camiños de ribeira. Hoxe hai dous acesos en moi mal estado por onde poden entrar autos, e un peatonal desde Outeiro á igrexa. Mais non fai moitos anos, foi anulado outro que ía de Vidal á igrexa que pasaba polos rentes dese enorme rochedo mítico, relixioso e panteísta, cheo de lendas e misterios que en tempos remotos tivo atracción mística e grazas a el fomentouse esa cultura cenobita e benedictina cuxo portento tradicional chegou até os nosos días. Pois esa calzada ten que ser rehabilitada de novo. É unha tristeza ollar o illamento e a incomunicación en que está acaído este espacio. Por tanto o illamento da igrexa de Pesqueiras é o de hoxe e non o de fai 800 anos.

Aínda hai outro elemento moi serio en Pesqueiras, o tema da iluminación. Esas pinturas rescatadas e esas minucias arquitectónicas precisan de luminosidade para ver o seu resplandor e a verdadeira riqueza dunha obra de arte en súas diversas manifestacións estructurais. Por tanto, estes tres elementos como son os accesos, a sinalización, e a luz eléctrica, priorizan o noso traballo reivindicativo.

Outro dos templos mais importantes de Chantada é o de San Salvador de Asma –coñecido polo Convento-. É, quizais, a construcción románica mais antiga do noso entorno, que foi mosteiro benedictino e sen el non se entende a evolución de Chantada e a súa historia. Un mosteiro depredado pola Desamortización de Mendizábal en 1837; a casa monástica foi desamortizada e a parede sur do mosteiro  anulada, a porta sur precintada e aquí comeza o grande escurantismo sobre unha parte importante da fábrica románica. A anulación total que persiste até o día de hoxe, o encubrimento nos fai sospeitar o peor desa degradación. Mais esa anulación incrementouse co novo propietario da casa de non deixar entrar a ninguén a un espacio visíbel que permita fotografar e coller apuntes sobre esa cornixa e sobre ese tímpano zoomórfico, único en Galiza e só repetido con certas variantes na catedral de Zamora. Ninguén sabe o que o propietario da casa está facendo nese muro sur da igrexa. Neste aspecto, compre denunciar con tódolos medios a noso alcance a Patrimonio, en primeiro lugar, por permitir e consentir ese silencio. Para rescatar e normalizar esas pertenzas que conforman o conxunto do antigo mosteiro, debemos e vamos realizar xestións co párroco, coa asociación de veciños do Convento para tomar unha decisión clara sobre a independencia da que debe gozar este antiquísimo monumento. E para isto tamén temos previsto realizar algún acto de música sacra no recinto da igrexa, como toma de conciencia e co fin de normalizar este conxunto.

O estado da igrexa de Fornas conmove, dado que nestes días é noticia nos medios de información, pola entrada forzada de certos individuos coa pretensións de roubo. Fornas parece estar  dentro dese vello dilema de abandono. En 2002, os ladróns romperon os paneis de pedra da fiestra da ábsida, co fin de penetrar no interior, topáronse co armazón do sagrario e do retablo que lles impediu a entrada. Os paneis ou láminas de pedra non foron repostos e así quedou ese armazón á vista de todos, pese a incidir en denunciar esa situación, por medio da prensa, e alertar sobre a reconstrucción, pasaron dez anos poñendo oídos xordos a este problema, que de novo repetiuse dunha maneira mais agresiva. Sabedores desta realidade, queremos incidir puntualmente ante as diversas burocracias administrativas que producen tantas neglixencias e inoperancias que fan que a cidadanía adopte actitudes moi serias e responsábeis. Por tanto, a nosa actitude de promoción e defensa dos nosos monumentos, inscríbese nestas constatacións cando o patrimonio material en desfeita se lle negan medios e recursos

Tamén no concello de Taboada hai problemas en certas igrexas románicas, quizais, non tan graves como os que rematamos de mencionar. Pero o tema de sinalización e información chaman a atención e pensamos en Castelo, en Bembibre, e Taboada dos Freires que precisan dunha prevención ao deterioro que se anuncia.

Se até agora falamos do patrimonio material, compre incidir na riqueza que ofrece a nosa comarca sobre o patrimonio inmaterial, o que robustece o noso pasado histórico e fai posíbel un presente mais solidario e concienciador. Temos espazos moi concretos dese patrimonio inmaterial no espazo do monte do Faro. Un espazo inmaterial románico que configurou o trobador Xohán de Requeixo, coas súas cinco cantigas dedicadas a Santa María do Faro e á súa hermida. A partir deste inicio foise configurando toda unha tradición de lendas milagreiras, de episodios críbeis e incríbeis, no que se sustenta a nosa cultura. No cume do Faro están esculpidas esas cinco cantigas, ergueitas en 2003, que veñen a corroborar ese patrimonio inmaterial e incitar a coidar desas pedras que testemuñan pasado glorioso da nosa literatura local.

Trobadores houbo na nosa comarca, no noso románico pleno literario, como Airas Moniz de Asma e o seu irmao, Diego Moniz de Asma, talvez adheridos ao Mosteiro de O Salvador de Asma ou de seus feudos, e os dous irmaos figuran no Cancioneiro da Vaticana e no de Ajuda. Fernán Páez de Tamalancos, trobador e señor das terras do alto Asma, das tres Vianas, das terras de Furco, Cartelos, Bubal e Vilamarín, tal como está documentado. Estas presenzas tan individualizadas, neste espacio comarcal, determinan que o noso patrimonio inmaterial sexa un dos vencellos mais autorizados para estudialo e escudriñalo en moitas categorías e versións.

Temos tamén o patrimonio espiritual, en súas dúas vertentes ou enfoques, no que respecta ao espírito relixioso e ao espírito cívico, tan complementados como necesarios para discernir unha serie de valores transbordados ate nosos días, nos que o románico serviu de ponte e de referencia no que respecta ao prerománico como ao posrománico.

Por tanto o noso compromiso co románico vai consistir en descubrir todas as súas variedades e manifestacións, coa prioridade de amalo, respectalo, defendelo e proxectalo para que goce sempre de primaveras floridas e non de invernías decadentes. E para isto é preciso investigar para informar por medio dun blog, ou dunha páxina web, dalgún voceiro, vídeos, exposicións, conferencias, excursións, debates, fondos documentais, realizando traballos didácticos e pedagóxicos e levando o noso patrimonio ás escolas, para que os nenos e os adolescentes  familiarícense coa riqueza que ofrecen os nosos monumentos. Pero sobre todo crear uns fondos documentais, fotográficos, informáticos e outros recursos de referencia que fagan do noso patrimonio medieval, na comarca, unha prioridade de destaque e clarificación.

Por tanto, estimados amigos e amigas, estas son as nosas liñas xerais de actuación para realizar un labor cívico e estrictamente humano, como di un proverbio inglés moi usado, o comportamento cívico dunha nación móstrase no respecto que se teña polos animais e polos monumentos. Pois, todo ese patrimonio que os nosos devanceiros nos deixaron como legado e que rematamos de referenciar, ven a ser o punto de lanza de integración a esa comunidade de persoas que dinamicen un traballo serio en moitos dos espacios onde o románico ten presenza e precisa de protección.

Os monumentos románicos, en tódalas súas connotacións e modalidades, está de moda e tamén de intrusos que en moitos lugares vemos a verdadeiros kamicaces que non dubidan en opinar sobre cousas absurdas, ou de inventar temas que nunca sucederon no contexto medieval, só por ter uns minutiños de gloria. E outros aventúranse a inventar as súas propias batalliñas e historias que as espallan con tanta naturalidade.

Dito isto, e para rematar, queremos facer un alegato a tódolos presentes e a tódalas persoas que teñen sensibilidade, que tedes sensibilidade e respecto polo noso patrimonio, que vos integredes nesta Asociación para agrandar os principios definidos no noso Estatuto fundacional e traballar por unha causa que merece a pena. A Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, é un ente plural, democrático e aberto que remata de constituírse e ademais espera, nun prazo razoábel, contar con socios e convocar unha asemblea xeral para elixir unha xunta directiva e saír da provisionalidade fundacional, tal como marcan os nosos estatutos.

Mais agora queda por intensificar e concretar grupos de traballo para priorizar eventos como os que xa anunciamos no caso de Pesqueiras e do Convento, sen esquecer e desestimar tantos outros que precisan de atención. Moitas grazas.

Conferencia lida no acto de presentación da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada, o 31 de marzo de 2012, no salón de actos do Hotel Mogay de Chantada.